miércoles, 16 de octubre de 2013

Corcoesto, fin do pesadelo?




Esta semana, durante o debate do estado da autonomía o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo anunciou o rexeitamento do proxecto mineiro en Cabana de Bergantiños por parte de Mineira de Corcoesto, empresa filial da canadense Edgewater Exploration. En efecto, despois dun longo periodo de contestación social arredor do proxecto, o Goberno galego non concede a autorización definitiva para a reapertura da mina. A Xunta fundamenta a súa negativa na insolvencia técnica pero, sobre todo, na insuficiencia financeira. Edgewater non logrou reunir o 25% de fondos propios sobre o investimento do proxecto que exixía a Administración autonómica (aproximadamente 27 millóns de euros).
http://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2013/10/15/xunta-tumba-corcoesto-insolvencia-financiera-tecnica/0003_201310G15P5991.htm?idioma=galego
Polo tanto, non foi o risco medioambiental, o que botou atrás a Xunta, senón os incumplimentos económicos por parte da compañía aurífera. De feito, a mina xa tiña a Declaración de Impacto Ambiental positiva por parte da Consellería de Medio Ambiente e Industria a pesar de tratarse dunha explotación a ceo aberto na que se empregaría o método de megadetonacións para fracturar a rocha e a aplicación de cianuro para separar desta o metal. Con todo, Mineira de Corcoesto, anunciou a súa intención de continuar co proxecto e intentar salvar os atrancos económicos.
Se finalmente o proxecto non se leva a cabo, alguén pode considerar que xunto coa mina se está a abandonar tamén unha vía, aínda que un tanto envelenada, de desenvolvemento endóxeno desta zona do litoral coruñés, polo que resulta perentorio analizar as posibilidades reais de desenvolvemento dun territorio no cal o turismo non acaba de callar, as escasas explotacións agrarias se ven moi limitadas debido a un minifundismo endémico e a poboación está caracterizada polo avellentamento e a falta de formación.
Fernando Paz

1 comentario:

  1. Fernando, a mina sería desenvolvemento top down ou bottom up? e que podes dicir do minufuncion sostible ao respecto do futuro do lugar?

    ResponderEliminar