martes, 14 de enero de 2014

Tesouros vivos do mar

Quero chamar a atención sobre unha iniciativa desenvolvida na miña localidade. Trátase dun proxecto realizado no concello guardés, entre novembro de 2012 e setembro de 2013, parte do GAC 7 Ría de Vigo, con colaboración de diferentes organismos como OR.PA.GU. Ponte nas ondas, Asociación de Redeiras Atalaia do Baixo Miño, que procura a transmisión do patrimonio marítimo cultural inmaterial galego-portugués e que se divide en diferentes accións articuladas nun plan conxunto.

Entre as medidas que se inclúen neste proxecto atópanse a identificación, investigación, preservación, protección, promoción valorización, transmisión e revitalización deste patrimonio, de acordo coa recomendación da convención da UNESCO para a salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial no seu artigo 2.3. De momento o proxecto atópase nunha fase inicial, pero o traballo realizado ata o de agora ben merece un repaso.


Publicouse un pequeno libro cun dvd asociado que recomendo miredes, e que podedes consultar íntegramente facendo click eiquí, no que de forma audiovisual -ao redor de 110 minutos- realízanse entrevistas a distintas persoas que gardan no seu saber facer unha tradición e cultura marítima, con síntomas de desaparición a medio ou curto prazo, e que se poden considerar 'tesouros vivos' do patrimonio marítimo. Divídese en seis partes: o traballo co argazo, o traballo coas redes -exclusivamente feminino-, a cordelería, o percebe, a carpintería de ribeira -que se practicaba no Miño-, e pesca artesanal.

Os centros educativos son partícipes tamén deste proxecto, pois levouse ás aulas da guarda os saberes destes 'tesouros vivos', e realizáronse actividades de recoñecemento social e valorización dos seus saberes e habilidades. Sen dúbida existe certo paralelismo entre o concepto de 'capital social' e o de 'tesouros vivos', pero a pregunta que sen dúbida suscita este proxecto é : ¿pode axudar este 'know how' ao desenvolvemento da localidade se recibe apoios para que non se extinga? ¿non credes que algunhas destas prácticas cada vez máis escasas como a do argazo -abono orgánico das patacas- son máis sostibles co medio ambiente que as actuais?

A todo isto, estase a divulgar o contido deste proxecto mediante diferentes actos e a enfatizar seu carácter innovador no ámbito galego. Como por exemplo a exposición que tivo lugar o día 12 de decembro de 2013 no Museo do Pobo Galego de Santiago de Compostela, ao que asistín persoalmente , e dado a escasez de público -éramos tan só dúas persoas- puiden falar co alcalde de A Guarda acerca do proxecto. Puiden comprobar que o contido do vídeo é tan só unha parte do material que dispoñen, que se trata dun traballo serio e dilatado no tempo, e que na Guarda tivo unha grande acollida, que invita á implicación dos factores. Pero sen dúbida quédome coa importancia que teñen este tipo de proxectos para que non se rompa ou destrúa a herencia cultural, pois tal e como puiden coñecer máis tarde, un dos vellos mariñeiros que saen nas entrevistas morreu aos poucos meses, e se non fora por traballos desta índole tamén se perdería o seu saber.

Manuel Luis Martínez Pacheco

2 comentarios:

  1. Paréceme unha publicación moi interesante. Non coñecía o desenvolvemento do proxecto nin os seus promotores ou actos de divulgación.
    Grazas por reseñar e dar a coñecer esta recompilación tan importante dunha parte da nosa cultura e achegar o enlace do documental.

    ResponderEliminar
  2. Vale, pero como podemos relacionar esto cunha estratexia de Marketing Territorial?

    ResponderEliminar