lunes, 18 de noviembre de 2013

EVOLUCIÓN DO MORRAZO

   Nos dous seguintes mapas da peninsula do Morrazo están cartografiados os usos do solo en dous periodos históricos ben diferentes, no ano 1956 e na actualidade.  Podemos apreciar como cambiou a extensión dos usos en relación os grandes cambios sociais, culturais e económicos que se produciron nesta zona.

1956

NA ACTUALIDADE

   A evolución da vexetación dos montes no Morrazo estivo moi influída polo difícil relevo que presenta esta península cunhas áreas elevadas ocupadas na actualidade pola superficie arbórea e outras superficies mais baixas nas cales o uso predominante son os cultivos e a superficie urbana en claro avance.
   O claro aumento da superficie forestal foi posible pola enorme influenza que tiveron nesta zona as repoboacións forestais dende comezos do século ata a actualidade. Esta influenza é palpable hoxe en día pola dominancia das especies arbóreas utilizadas para a realización destas tarefas. Así, a gran maioría de masas arbóreas son piñeiros procedentes das primeiras épocas da repoboación e eucaliptos plantados a partir dos anos 60 como substitución ou complemento do piñeiro. 
   A pesar da predominancia destas especies inda podemos atopar pequenos soutos ou carballeiras que seguen tendo un uso tradicional. É certo tamén que séguese producindo un abandono paulatino destes sectores, poñendo en perigo estes enclaves. Desta forma, pódese poñer en perigo a escasa diversidade arbórea presente nos montes do Morrazo que sempre é un impedimento para un posterior desenvolvemento ou simplemente para a conservación e sustentabilidade do territorio. 
   Outro elemento que, como xa vimos, explica a evolución da superficie forestal son os cambios económicos que se produciron na segunda metade do século XX na península do Morrazo e en gran parte da Galiza. Estes cambios xeraron unha terciarización cada vez maior da economía e, en consecuencia, un abandono paulatino do resto dos sectores económicos como o cultivo ou a silvicultura, que elimina ou reduce os usos do solo que non están relacionados co sector terciario. Desta forma modificase o territorio para adaptarse o novo sector económico predominante. 
   En relación o anterior, como se intentou demostrar, a situación destes cinco concellos no centro dunha area urbana metropolitana continua de case 500.000 habitantes influíu moito no estado actual dos montes desta rexión. 
   Esta evolución xerou unha superficie forestal que supón mais do 50% da superficie total da península. Sen embargo, a pesar do gran potencial xerado por estas extensas masas arbóreas a utilización e aproveitamento do espazo forestal é realmente escaso reducíndose a venda de eucaliptos para a creación de pasta de papel. Tamén é certo que se empeza a apreciar un pequeno repunte do aproveitamento forestal pola subida dos combustibles fósiles e da electricidade.
   En definitiva todos os factores que influíron na península durante este tempo xeraron uns grandes cambios en toda a estrutura do solo e nos usos tradicionais do territorio que xeraron un espazo dominado polo avance descontrolado da urbanización dispersa, en detrimento dos cultivos, e un claro avance do sistema forestal por implantación directa de especies é por expansión no territorio aproveitando o abandono de espazos de matogueiras tradicionalmente utilizadas para o sustento dunha economía agraria tradicional.


BREIXO MARTINS RODAL

No hay comentarios:

Publicar un comentario