jueves, 17 de octubre de 2013

Os debates despois de Corcoesto.

   Esta semana asistiuse á cancelación do proxecto de megaminería en Corcoesto, confirmado polo presidente da Xunta de Galicia,  Alberto Núñez Feijóo. Pero aínda quedan algunhas dúbidas que deben ser despexadas.

   Coa posibilidade de implantación de dita mina, xerouse un movemento popular para protestar que é digno de mención. Manifestacións, recollida de firmas, protestas diante do Parlamento galego nas que algúns máis e outros menos tomaron parte. A xente sentíase en perigo. Aqueles informes que mostraban como podía ser o futuro dunha parte de Galicia estremecíannos. O famoso vídeo miles de veces compartido nas redes sociais e por e-mails non facía máis que aumentar ese sentimento. Do mesmo xeito miles de firmas foron recollidas para reclamar a paralización do proxecto. Ó final paralizouse.

   Pero como foi paralizado? Polas protestas, manifestacións, firmas e opinións de expertos? Non, únicamente pola escasa viabilidade económica. Outra vez máis vemos como neste país as opinións dos cidadáns e dos habitantes das zonas afectadas non teñen repercusión nas decisións finais. Do mesmo xeito, o goberno galego afirmou unha e outra vez que o proxecto tiña un estudo de impacto ambiental favorable. Como e por quen foi feito dito estudio? Con qué método? Como pode ser que un proxecto con esas consecuencias teña un estudo de impacto ambiental -si, impacto ambiental!- favorable? Hai que replantexarse moitas cousas.

   Respecto ó tema da escasa repercusión nas decisións finais dos habitantes das zonas afectadas recordoume, por totalmente diferente resultado, a un megaproxecto de enxeñería desenvolvido na illa de Taiwan durante os anos noventa e comezos de século XXI. O túnel Hsueshan une a capital de Taiwan (Taipei) no oeste da illa coa parte leste, ruralizada e máis pobre atravesando unha cordilleira montañosa de alta inestabilidade xeolóxica debido ó contacto de dúas placas tectónicas e a uns materiais xeolóxicos moi diferentes. Dito túnel é un dos proxectos de enxeñería máis dificultosos nunca realizados ademáis de ser un dos maiores proxectos de reequilibrio territorial, para conseguir conectar de xeito máis rápido as zonas rurais e pobres coa zona urbana e rica do país.

   Ademáis das dificultades atopadas respecto á xeoloxía e ós problemas relacionados coa tectónica de placas e os desprendementos, tamén había outros problemas que afectaban directamente á población residente na montaña. Ditas montañas son o lugar de plantación do té taiwanés, un dos principais produtos de exportación do país, e dos máis competititvos. A poboación rural residente cultivara o té do mesmo xeito durante séculos, pero co túnel as plantacións de té podían perigrar. Os condutos de ventilación do túnel tiñan a saída do aire contaminado cara a montaña, nos lugares onde se atopaban ditas plantacións. 

   A poboación residente protestou airadamente contra o túnel e, sobre todo, contra o sistema de ventilación xa que a temperatura do solo podía aumentar hasta tres graos ademáis de inxectar aire totalmente contaminado nunha zona rural onde a contaminación atmosférica apenas existía. As reunións dos enxeñeiros cos produtores de té e os habitantes foron canto menos quentes, con grandes discusións. Ó final, os enxeñeiros taiwaneses, que foron os que desenvolveron o proxecto xunto co apoio de espertos internacionais, idearon uns filtros na ventilación e un sistema que permitiría ás plantacións de té da montaña que seguir desenvolvéndose do xeito e no lugar onde levaban séculos. Por tanto vése que é posible modificar os grandes proxectos por protesta popular.

   Por tanto, obsérvase como non é imposible ter en conta a opinión dos afectados, que non é culpa do sistema político, senón que o que toma as decisións ten que ter en conta todas as variables para poder escoller a axeitada.

   Enlaces para ver documental sobre a construcción do túnel de Hsueshan:

   Luis Pastur Neira

1 comentario:

  1. Vale Luis, pero me gustaría coñecer a relación entre a Mina de Corocoresto e o desenvolvemento endóxeno; que me podes dicir?

    ResponderEliminar